Espazo Lectura organiza «Xestionar a lectura», un encontro de clubs de lectura no Culturgal

Espazo Lectura organiza este ano no Culturgal un encontro de clubs de lectura baixo o nome «Xestionar a lectura». O encontro terá lugar o domingo 1 de decembro na Sala de Exposicións Culturgal (zona profesional), comezará ás 12 h. do mediodía e prolongarase ata ás 14 h. da tarde. No encontro participarán oito persoas con responsabilidade en clubs de lecturas de moi distinto perfil (tanto procedentes do asociacionismo como de bibliotecas públicas) que darán a coñecer o seu traballo e debaterán sobre estratexias, problemas e dificultades do seu labor en Galicia.

O encontro «Xestionar a lectura» ten un dobre obxectivo: por unha banda, preténdese poñer en común os distintos proxectos existentes, interactuando para aproveitar ideas e sinerxias, e por outra banda preténdense analizar e debater as estratexias, as dificultades, os problemas, os rercusos e o financiamento, dando conta dos alentos e desalentos na difícil e gratificante tarefa de transmitir a conveniencia e o pracer da lectura.

Os participantes no encontro «Xestionar a lectura», moderado por Anxo Iglesias, son os seguintes:

1) Cristina Novoa, asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación.

2) Marta Isabela Mora Bogado, coordinadora dos clubs de galego e portugués dos Clubs de Lectura de Pontevedra.

3) Gracia Sanctorum, coordinadora do Club de Lectura de Silleda e de Falemos de Lecturas.

4) Héctor Silveiro, representante dos Clubs de Lectura de Casa Escola.

5) Mari Luz Corral, directora das Bibliotecas Municipais de Oleiros.

6) Soledad Ríos, presidenta da Lonxa Literaria de Moaña.

7) Cristina Blanco Aragón, secretaria da asociación LeCras de Dodro.

8) Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura.