Xurxo Mariño visita o Comando Le para falar de mente, linguaxe e lectura

O neurocientífico Xurxo Mariño estará este sábado 7 de maio ás 20:00h na Casa da Lectura para participar nunha sesión do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos. Almacéns de mentes. Reflexións dun neurocientífico sobre a mente, a linguaxe e a lectura será o título da súa charla, na que falará de comunicación, linguaxe, pensamento simbólico e lingua escrita, ao tempo que explicará cales son os circuítos cerebrais implicados na linguaxe e na lectura e como se poden modificar cando un le un libro. 
 
Xurxo Mariño é Doutor en Ciencias Biolóxicas e docente e investigador do grupo NEUROcom da Universidade da Coruña. Destaca, ademais, polo seu labor como divulgador científico a través de charlas, cafés-teatro-científicos, discurshows e diferentes publicacións entre as que podemos salientar os libros Po de estrelas, Os dados do reloxeiro ou Neurociencia para Julia, así como numerosos artigos. Para un achegamento previo ao tema, podedes ler este texto do autor. 
 
Na segunda parte da sesión veremos e comentaremos os videopoemas que os comandoleiros e comandoleiras realizaron con diferentes técnicas na xuntanza celebrada no mes de marzo, da que vos deixamos aquí algunhas imaxes:

 

Un comentario

Os comentarios están cerrados.