Nova xuntanza do club Lecturas Debuxadas

Este martes 20 de marzo, a partir das 20:00 horas, a Casa da Lectura acolle a nova xuntanza do club Lecturas Debuxadas de cómic. Nesta ocasión lerase a obra “Mort cinder”, de Alberto Breccia e Héctor Germán.

No mes de febreiro, o Lecturas Debuxadas xuntouse na librería Libraida, desta vez para comentar “Impresiones de la Isla”, unha BD orixinal como poucas. A moi agardada continuación dos dous números editados nos anos noventa, e desta vez unha estupenda edición, en gran e luxoso formato.
Trátase dunha obra moi persoal, chea de xogos e referencias entre os autores, abondosa en personaxes curiosos e estraños, pero entrañables. A propia Illa é un personaxe máis, que dá coherencia e serve de marco unificador para unhas historias que neste primeiro número soamente se están iniciando.
O debuxo recorda e está inspirado nos cómics dos Estados Unidos dos anos 20 e 30: o Crazy Cat de Herriman, o Popeye de Segar… Pero a posta en escena é orixinalísima, e Portela e Iglesias moven os personaxes coma se estivesen nun decorado teatral, máis que limitalos a unas viñetas pechadas, facéndoos camiñar e ocupar a páxina enteira.
Na segunda hora visitounos Fernando Iglesias, co que tivemos unha animada charla sobre esta obra, que está no pensamento e nas mans dos autores desde hai 25 anos… Como xurdiu a idea, como traballaron nela, as ideas para a nova edición… Estas son as fotos dese día.

Lecturas Debuxadas-febreiro 2018-26