A xornalista e escritora María Solar, este sábado no Lendo Contigo

O sábado 28 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, terá lugar na Biblioteca de Gondomar a sesión mensual do Club de lectura compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais.
Nesta ocasión, o libro do que se vai falar é O fillo do Pintamonas, da xornalista e escritora María Solar (Tambre, 2009).

Contaremos coa presenza da autora
María Solar estará con nós na Biblioteca de Gondomar para charlar cos nenos e nenas que participen na actividade.

O libro
Nubelo de La é un dos Nubelos (nubes pequechas, redondas e brancas, as máis traballadoras de todas pois viaxan por diante das Nubes de Chuvia, para anunciar a chuvia cubrindo o ceo) coñecido por chegar tarde e por ser o fillo do Pintamonas. O alcume víñalle de que seu pai unírase a unha Nube dos Soños (esas tan brancas que pintan debuxos no ceo para que os nenos da Terra xoguen a adiviñalos) con grande escándalo dos vellos ante esa unión antinatural, polo que o condenaron a abandonar o país dos Nubelos. Farto de que se risen del por ser diferente (retrasábase, parveaba e soñaba) decidiu levar adiante o seu plan de reunirse co seu pai no País das Nubes dos Soños. Para iso valeuse da compañía do papaventos, condenado polo Gran Nubelo a perder a cola máis longa do mundo. Antes de que lla cortaran, fuxiu con Nubelo.

A autora
María Solar naceu e vive en Santiago de Compostela. É presentadora e coordinadora do programa cultural Zigzag Diario da TVG. Licenciouse en Xornalismo e Bioloxía ademais de ser diplomada en Maxisterio e ter o título de Especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. A súa actividade profesional sempre se centrou no xornalismo e ten unha longa traxectoria en radio e televisión. Na Radio Galega presentou e dirixiu durante oito anos o magacine As tardes da Galega e na TVG presentou diversos programas como Ciencia nosa, En pé de festa, Que boa tarde ou Os directos da Galega, entre outros. É ademais actriz de dobraxe.
Como autora, céntrase no público infantil. Ten publicado entre outros, O Fillo do Pintamonas (Tambre), Boa Sorte (Baía), O tempo do revés (Baía), Vou ter un irmán! (Galaxia), e os libros divulgativos O libro do noso mar (Lea) e Ecoloxía na aula (Lea).

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *