Ábrese o prazo de inscrición para a IV Noite na Biblioteca

Espazo Lectura abre o prazo de inscrición para a IV Noite na Biblioteca, que terá lugar os días 18 e 19 de xuño de 2011. Poderán quedar a durmir 25 nenos e nenas que estean matriculados en Educación Primaria e que participasen ao longo do curso nas distintas actividades de fomento da lectura que organiza Espazo Lectura (Contomar, Lendo contigo, Casa da Lectura) ou que sexan fillos e fillas de socios. Durmiremos na biblioteca en colchonetas e con sacos de durmir. Para reservar praza tedes que mandar un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamar ao 619292991 antes do 15 de xuño. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición.
As actividades da IV Noite na Biblioteca, que Espazo Lectura organiza coa colaboración do Concello de Gondomar, contarán cunha primeira parte, de 19:00h a 21:30h, aberta a nenos e nenas de todas idades e as súas familias sen necesidade de inscrición previa. Nesta primeira parte, A volta a Gondomar en 150 minutos, faremos unha viaxe por diferentes espazos públicos de Gondomar na procura de historias doutras culturas e asistiremos á representación no parque da Coelleira de Que bonito é Panamá! a cargo da compañía Panamesiana Teatro.