As familias do Lendo Contigo lerán “O Principiño” a dúas voces, 70 anos despois da súa publicación

O sábado 27 de abril, dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura, o Lendo Contigo será, máis ca nunca, un club de lectura compartida. A partir das 12:00 horas comezará unha sesión especial na cal se vai facer unha lectura en familia, en voz alta, d´O Principiño, agora que se cumpren 70 anos da súa publicación.

Na primeira parte, que se desenvolverá na Biblioteca de Gondomar, coñeceremos algo da historia do libro e do autor. Despois, na praza do Centro de Saúde, se o tempo o permite, faremos a lectura en familia do libro, na cal participarán parellas formadas por un neno ou nena dos que habitualmente participan na actividade xunto co seu pai ou nai. A música tamén estará presente na sesión e é posible que coñezamos o mesmísimo Principiño…
Nesta galería fotográfica pódense ver varios momentos do Lendo Contigo de marzo, cando nos acompañou Xoán Babarro.