Celebramos o Día da Poesía na Casa da Lectura

Este mércores, 21 de marzo, é o Día Internacional da Poesía, así que, como non podía ser doutro xeito, imos celebralo enchendo de poemas a Casa da Lectura. No inteiror da maleta poeta, a nosa coordinadora Bea Pereiro traeranos o mar e, con el, unha selección de poemas: “Tinta de luz”, de Pepe cáccamo, algún de “Versos de tarde laranxa”, de Ana María Fernández, uns poucos de “A pel do mundo”, de Berta Dávila, e outros poucos de “Poemar o mar”, de Antonio G. Teijeiro.
A sesión comeza ás 18:00 horas e media hora antes aténdese o servizo de préstamo bibliotecario.
A semana pasada, Dolo, antes de lernos o conto de “Tim, Tam, Tom”, fíxonos un test para comprobar se realmente estabamos preparadas para escoitalo. Primeiro retou á nosa capacidade de gardar silencio, mentres nos ensinaba uns fabulosos libros despregables. Logo puxo a proba a nosa agudeza auditiva cun máxico aparato de última tecnoloxía que gardaba unha chea de sons. Comprobadas as nosas capacidades, leunos o conto, que seguimos con moita atención, e logo convidounos a ir montando un boneco que resultou ser un astronauta. Foi unha sesión moi agradable na que respiramos a colorciña que desprende a Casa da Lectura nestes días tan invernais.

Casa da Lectura, 2018/03/14