lecturas_deb

Club de lectura sobre banda deseñada
Data: terceiro martes de cada mes
Hora: 20:00 horas
Lugar: Biblioteca Municipal de Gondomar.
Coordinadora: Beatriz Núñez.

Se pensas que o cómic non é só para nenos e nenas e que se poden contar boas historias desde o cómic, ven e descubre a linguaxe da lectura en imaxes. Recibe moitos nomes: banda deseñada, banda debuxada, tebeo, historieta, novela gráfica… Definida como a «narrativa gráfica secuencial», o cómic é xa a novena arte por dereito propio. Queremos descubrir esta linguaxe tan interesante lendo un cómic unha vez ao mes para comentalo despois entre todos e todas.

Con esta idea, Espazo Lectura puxo en marcha este club de lectura desde o convencemento de que a linguaxe do cómic, é dicir, a da lectura de imaxes, é unha das máis relevantes da cultura contemporánea.

A coordinadora propón un cómic mensual e as persoas asistentes reúnense para comentalo e interpretalo. Cando a obra é galega, adóitase contar co autor ou autora para coñecer mellor o panorama da banda deseñada en Galicia. As reunións realízanse o terceiro martes de cada mes ás 20:00 horas en distintos lugares de Gondomar, tendo a Biblioteca Municipal de Gondomar como referencia.

A coordinadora é Beatriz Núñez, podedes contactar con ela a través do correo electrónico lecturasdebuxadas@gmail.com.

A primeira sesión celebrouse en decembro de 2008, con A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Entre os autores galegos que estiveron presentes no Club de Lecturas Debuxadas, para charlar ou comentar as súas obras cos asistentes, están Jacobo Fernández, Kiko da Silva, David Rubín, Manel Cráneo, Ramón Trigo e Xosé Manuel Trigo, Manolo López, Dani Montero, Brais Rodríguez, Tokio, Mariano Casas, Inacio e Iván Suárez, Miguelanxo Prado, Agustín Fernández Paz e Antonio Seijas, Gemma Sesar, Jano, José Domingo, Luis Davila, Fran Bueno, Xosé Tomás, Victor Rivas, Rosa Espiñeira, Fernando Iglesias, Abel Alves e Norberto Fernández.

Información sobre as sesións:

Páxina Club Lecturas Debuxadas

Histórico das sesións