Contacontos e títeres para os centros de ensino

Este próximo mércores 28 de marzo Espazo Lectura ofrécelles unha mañá de actividades aos centros de ensino da zona que son socios-protectores e que colaboran ao longo de todo ano na difusión das actividades de fomento da lectura que organiza a asociación. Na proposta, que conta co apoio da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar, van participar 350 nenos e nenas de sete centros de ensino da comarca: CEIP Souto-Donas, CEIP Serra-Vincios, CEIP Chano Piñeiro, CEP Neira Vilas-Peitieiros, CRA Antía Cal, CEIP Carlos Casares-Vilariño e CEIP A Cruz-Camos.
Ao longo da mañá, organizados en diferentes quendas e horarios, os nenos e nenas asistirán a dous espectáculos relacionados coa animación á lectura. No auditorio Lois Tobío representarase a obra O rapto da bibliotecaria, a cargo do grupo da Escola Municipal de Teatro do Concello de Vigo. A peza, que combina o teatro de actor e os títeres, está baseada na novela homónima de Margaret Mahy e narra a historia da señora Liboreiro, a bibliotecaria dunha pequena cidade,  secuestrada por un grupo de bandidos que pretenden conseguir un cuantioso rescate por parte do concello. Divertidas e disparatadas aventuras mestúranse coa vida nunha biblioteca como pano de fondo.
Ademais, os nenos e nenas asistirán tamén a unha sesión de contacontos, realizada na Biblioteca Municipal polo equipo de contadores de Espazo Lectura. A sesión, que terá como título Cociña de contos, inclúe as historias de Sopa de nada, A sopa queimae Sopa de soños. Na cociña da imaxinación coa tarteira dos soños cociñaremos sopas de conto e remataremos cun postre moi pomposo, sorbete de xampú, o preferido dos nosos cociñeiros.

Con esta dobre proposta, Espazo Lectura pretende agradecerlles aos centros de ensino a súa colaboración ao longo de todo o ano e ofrecerlles aos nenos e nenas dúas actividades vinculadas co mundo dos libros e a lectura, co obxectivo tamén de achegalos á Biblioteca Municipal, presentarlles os seus espazos e servizos, así como as actividades de dinamización que nela organiza Espazo Lectura.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *