Contos musicados a cargo de profesorado e alumnado do Conservatorio de Música de Gondomar, na Casa da Lectura

O próximo mércores, 31 de maio, vai ter lugar na Casa da Lectura de Donas unha sesión moi especial de contos e música a cargo de profesorado e alumnado do Conservatorio Elemental de Música de Gondomar. Será o propio profesorado do centro o que faga a lectura dos contos acompañado por algúns dos seus alumnos e alumnas que tocarán os instrumentos que están estudando no Conservatorio de Gondomar. Unha das pezas interpretadas foi composta por un profesor do Conservatorio especialmente para a ocasión e será estreada na Casa da Lectura.
A sesión, coma todas as semanas, comezará ás 18:00 horas e dende as 17:30 aténdese o servizo de préstamo bibliotecario.
O mércores pasado, Carmen, Manuel, María, Sara e Martina, todos eles membros do Comando Le, chegaron á Casa da Lectura para contarnos historias que tiñan como protagonistas unha mosca chosca, un mosquito chuchón, unha bolboreta que se chamaba Rita e unha eiruga moi larpeira. E fixérono fenomenal, coma sempre… Non! Mellor ca nunca, porque cada día fano mellor! Logo ensináronnos a reproducir figuras de todos eses bechos cunhas simples pinzas e uns pomponciños. Así que cada asistente foi para a súa casa voando sobre un mosquito ou bolboreta ou a lombos dunha eiruga, que de todo houbo.
Estas son as fotos da sesión: https://goo.gl/photos/5zo4YrBXrVQ3Ainj9