00_Dar_de_ler_Cabeceira

Data: abril
Lugar: espazos públicos do Val Miñor
Hora: 12:00 h ou 20:00 h
Coordinadores: Luís Domínguez e Bieito Legaspi

Dar de ler coma quen dá de beber é unha actividade que toma o seu nome dunha frase do escritor Álvaro Cunqueiro: “o ser humano precisa, coma quen bebe auga, beber soños”.

Tomando como referente o Día Internacional do Libro, 23 de abril, e sempre arredor desa data, o acto enmárcase dentro da Semana do Libro, durante a que Espazo Lectura programa unha actividade diaria en Gondomar.

Consiste nunha lectura de textos, colectiva e en voz alta, que se realiza nalgún espazo público e na que participan arredor de 30 persoas, que len os textos elixidos por elas mesmas, co ánimo de sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da lectura. Trátase dunha actividade itinerante, que busca levar a lectura a lugares nos cales habitualmente non está presente, apostando por abrir espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.

Os lugares elixidos para estas lecturas, dende a primeria sesión, celebrada na Biblioteca Municipal de Gondomar en 2008, pretenden ser variados: a Praza de Abastos de Gondomar, a xamonería Catro Camiños, o Nornas Hostel, o Keik Café, a tapería Ardora ou, na edición de 2019, na XII edición, o Casino de Sabarís no concello de Baiona.

Con motivo desta actividade, Espazo Lectura edita anualmente un número de Lecturas da Grampa que contén os títulos e autores dos libros recomendados, así como o nome de cada persoa lectora, exemplar que se reparte de xeito gratuíto durante o acto, de forma que o intercambio de lecturas sexa o máis efectivo posible.