Despedimos o ano nos mércores da Casa da Lectura con contos sobre o coidado dos montes

Este mércores, 13 de decembro, celebraremos a última sesión do ano 2017 dos mércores na Casa da Lectura, actividade que regresará logo do Nadal. Nesta ocasión, leremos contos para concienciarnos da importancia de coidar os nosos montes, tan castigados polo lume e a cada vez menor biodiversidade. A actividade comezará ás 18:00 horas e dende media hora antes atenderase o servizo de préstamo bibliotecario.

A anterior sesión foi unha desas sesións especiais, que converten a Casa da Lectura nun espazo máxico. Acompañáronnos catro persoas marabillosas da asociación APAMP (Asociación de Familias de Personas con Parálisis Cerebral), acompañadas pola súa monitora. Entre todas leváronnos ao marabilloso mundo de Elisa, unha nena que dende a súa cadeira de rodas é quen de acoller a quen se sinta só, só por ser diferente. A historia  foi ideada e creada por eles memos, e tomou forma de libro na edición de Galaxia co título Elisa no mundo das marabillas. Estas son as fotos dese día: https://www.flickr.com/photos/espazolectura/albums/72157689424203181