Espazo Lectura celebra a súa Asemblea Xeral Ordinaria

O próximo sábado 24 de xaneiro, no salón de actos do Centro Neural de Gondomar, Espazo Lectura celebrará a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2009, a primeira que ten lugar logo da Asemblea Constituínte de xaneiro de 2008.

Máis de corenta socios/as

Nesta Asemblea Xeral, na que se integrarán máis de 40 socios e socias, así como os primeiros socios protectores, a Xunta Directiva de Espazo Lectura presentará a memoria de actividades e de tesourería do pasado ano e someterá a consideración da asemblea os proxectos de futuro e o novo orzamento.

Queremos animar a todos os socios e socias a que asistan á asemblea e participen.

O voluntariado da lectura

Espazo Lectura acaba de cumprir un ano de existencia, aínda que a nosa actividade fundacional, o Contomar, se remonte a tres anos atrás. Todo o traballo levado a cabo temos que agradecérllelo ás arredor de 16 persoas que traballan activamente na organización de maneira altruísta e sempre entusiasta, polo que constitúen un verdadeiro voluntariado da lectura.

Levamos un ano facendo lectores e lectoras.

Que o 2009 veña tamén cheo de lecturas!