Espazo Lectura celebra a VIII Noite na Biblioteca

Esta fin de semana Espazo Lectura organiza a VIII Noite na Biblioteca, unha actividade coa que todos os anos desde o 2008 pechamos as programación infantil anual. Na noite do 23 ao 24 de maio quedaremos a durmir na Biblioteca Municipal con 30 nenos e nenas de Educación Primaria que participan ao longo do ano nas actividades infantís da asociación: o Contomar, as sesións de dinamización da Casa da Lectura e o club de lectura compartida Lendo contigo.
Este ano será unha noite pirata na que haberá contos, poemas, cancións e xogos relacionados cos piratas. Ademais, dentro da programación de actividades que teremos ao longo da noite, inclúese unha función de teatro a cargo da compañía Os Quinquilláns co seu espectáculo Por que é salgada a auga do mar? O domingo á mañá, logo de espertar, os nenos e nenas, coa axuda dun mapa, terán que atopar un tesouro.
A principal novidade da Noite na Biblioteca deste ano é que os encargados de levar adiante as actividades serán os membros do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura dirixido a rapaces e rapazas de máis de 12 anos. Estes mozos e mozas que farán de monitores na VIII Noite na Biblioteca asistiron cando eran nenos e nenas a edicións anteriores desta actividades e agora asumen por primeira vez un papel organizador que en Espazo Lectura consideramos moi importante para darlle continuidade á súa formación e para fortalecer o vínculo de colaboración co proxecto de Espazo Lectura. Precisamente este pasado sábado 16 de maio os rapaces e rapazas do Comando Le tiveron unha xuntanza na Casa da Lectura para acabar de preparar as actividades das que poderán gozar todos os nenos e nenas que queden a durmir este sábado na biblioteca. Aquí vos deixamos unhas imaxes desa xuntanza.