Outubro xa está aquí e Espazo Lectura volve coas actividades de animación á Lectura que vén desenvolvendo desde o ano 2006.
Por mor da COVID-19 haberá que adaptar tanto espazos como algunhas actividades á nova situación sanitaria e adecuarse aos protocolos impostos polas autoridades sanitarias en materia de limitación de aforo e de distancias de seguridade, hixiene e ventilación. Loxicamente, a necesidade de manter o afastamento vai condicionar extraordinariamente o número de participantes nas diversas actividades. Estase a traballar para minimizar as incomodidades e poder realizar o maior número nas mellores condicións.
A Casa da Lectura, debido ao seu reducido tamaño, non poderá albergar as actividades infantís como viña facendo desde 2009. Pero manterá o empréstito de libros da súa biblioteca todos os mércores, exceptuando festivos e vacacións escolares, de 17:30 horas a 18:30 horas cun aforo máximo de 5 persoas, podendo xurdir modificacións en función das normas sanitarias establecidas en cada momento.
Por outra banda, iranse anunciando os horarios e localizacións das distintas actividades ao longo destes días na nosa páxina web www.espazolectura.gal
Permanecede atentas!
En Espazo Lectura dámosvos a benvida a esta nova tempada buscando novos xeitos para seguir gozando xuntos dos libros e da lectura.
Agardámosvos!!!!