Héctor Cajaraville, Premio Xerais de Novela 2015, estará este martes no club Sete Vidas

O martes 2 de febreiro, a partir das oito da tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar, dedicaremos a sesión do Sete vidas á novela gañadora do último Premio Xerais: De remate de Héctor Cajaraville, unha novela moi singular no xeito de narrar, construída fragmentariamente cunha miscelánea de textos (as columnas de opinión do seu protagonista, páxinas do seu propio diario, correos electrónicos, anotacións en blogs…) para falar de si mesmo e da Galicia que habitamos, pero sempre con ironía e humor. Un libro divertido e sorprendente.
Contaremos coa presenza do seu autor. E con vós.
A sesión de xaneiro estivo dedicada á novela O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro, quen nos acompañou na última parte da xuntanza para compartir impresións coas persoas que participaron na actividade. Estas son as imaxes dese día.