Lectura na casa

Por Antonio García Teijeiro

Cada vez que saen estudos sobre hábitos culturais, índices de lectura ou o célebre informe Pisa, todo o mundo bota as mans á cabeza e culpabiliza a escola ou aos plans educativos dos resultados que reflicten. Poucos miran cara adentro e reflexionan para preguntarse polo ambiente lector no ámbito familiar. Eu penso que a lectura non debe impoñerse, senón facilitarse. A tarefa de fomento na escola non abonda e especialistas preocupados seguen a incidir na necesidade da implicación familiar, un hábito necesario para que os cativos imiten esta actividade silenciosa e solitaria.
Podemos seguir preguntándonos se se favorece na casa que os rapaces sintan o libro coma un obxecto cercano e que alguén se convirta en mediador entre os contos e os nenos. Hai consciencia de que a lectura non é un castigo nin unha perda de tempo, malia esixir un esforzo que poderá converterse en goce se perseveramos nela? Visitan os pais e nais as librerías ou as bibliotecas con eles para axudalos a elixir o libro máis axeitado? Non estou seguro de que se controlen os temas nin que se fomente a creación dunha biblioteca persoal infantil nos andeis das casas. Ou si?
Son preguntas que, a miúdo, dá medo contestar, pero que debemos facernos se queremos acadar que a nosa rapazada lea. E respondelas sen medo e con intelixencia. Non hai fórmulas máxicas (nin as haberá nunca) para facer nenas e nenos lectores, mais debemos ser conscientes de que é unha estampa fermosa ver os pequechos cun libro nas mans.Por iso, haberá que comezar nos fogares.

(Publicado en A Nosa Terra)