Literatura e cine, este sábado no Comando Le

Este sábado 22 de abril, dentro da programación da Semana da Reivindicación Lectora organizada por Espazo Lectura con motivo do Día do Libro 2017, vaise celebrar unha nova sesión do Comando Le arredor da relación entre literatura e cine. Na primeira parte da sesión, os comandoleiros e comandoleiras compartirán cos demais as súas reflexións sobre libros que lesen e películas baseadas neses libros, comparando e relacionando as dúas linguaxes. Achegarémonos así, entre outras, ás novelas e películas da serie Harry Potter ou a títulos como Charlie e a fábrica de chocolateA praia dos afogados ou La ladrona de libros. Na segunda parte da sesión imos ver todos xuntos unha película baseada nun libro que a maioría dos comandoleiros leron ou coñecen porque xa formou parte da programación doutras actividades de Espazo Lectura nas que participaron. Será unha sorpresa! A sesión desenvolverase de 20:00h a 00:00h na Casa da Lectura e faremos, como é habitual, unha pausa para cear xuntos.

Na sesión do mes de marzo, dedicada á poesía, os comandoleiros e comandoleiras participaron nun obradoiro de Versos pegatina, con Antía Otero, e logo leron poemas a través dunhas saborosas piruletas de poesía, tal e como pode verse nas imaxes ás que se pode acceder picando na seguinte ligazón: https://goo.gl/photos/Aupenx7HZY5zyk8N9