Magosto literario na Casa da Lectura

Este sábado, 10 de novembro, ás 18:00h, Espazo Lectura organiza a un magosto literario na Casa da Lectura para presentar a nova actividade da asociación dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos chamada Comando Le. Os rapaces e rapazas que xa forman parte do Comando ofrecerán castañas asadas e unha lectura de textos sobre os Dereitos Humanos, que é o tema arredor do que xiran as súas actividades ao longo deste trimestre. A este magosto de presentación do Comando Le poden asistir tanto adultos como nenos e nenas.

O Comando Le é unha nova liña de traballo de Espazo Lectura dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 15 anos. Cada trimestre propoñerase un tema arredor do cal se desenvolverán actividades relacionadas con diferentes ámbitos: cine, música, debates, saídas, charlas e, por suposto, libros. Logo do magosto literario deste próximo sábado, as seguintes actividades que realizarán este trimestre arredor do tema dos Dereitos Humanos serán a proxección e debate sobre a película Binta e a grande idea, unha sesión de dinamización lectora para os máis pequenos na Casa da Lectura e unha sesión de club de lectura arredor do libro O neno can coa presenza dos escritores Fina Casalderrey e Francisco Castro.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *