María Reimóndez, na sesión do Sete Vidas de abril

A lectura proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de abril é En vías de extinción (Xerais, 2012) unha novela da escritora María Reimóndez, quen nos acompañará na Biblioteca de Gondomar para falar cos lectores e lectoras que queiran achegarse. A cita é o 2 de abril, xusto á volta de Semana Santa, a partir das 20:00 horas.

Recollemos a continuación unha crítica publicada no blog Trafegando ronseis sobre a novela.
Cando se le unha novela de María Reimóndez sábese de seguro que nos vai ter no sofá ata case rematala e isto foi o que aconteceu con En vías de extinción (2012), publicada por Xerais.
Un dos grandes acertos da obra é a súa estrutura. As distintas partes, metaforizadas con nomes que van desde o toxo ao castiñeiro, conseguen nunha perfecta ensamblaxe, representar cada unha delas os momentos vitais de Gaia. Unha muller singular, incorfomista, rebelde, irónica, coas raíces ben plantadas na terra e que loita porque as orixes non esvaezan, sendo fiel en todo momento ás mesmas. Contínua aprendiz da vida, amosa unha forza que envolve ao lector/a na súa rabia ante o absurdo do mundo, e sempre coa nai como referente e a natureza como eixe.