“Memorias dun neno labrego”, lectura de maio no club de lectura Sete Vidas


Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, cumpre 50 anos tras a súa publicación na editorial Follas Novas de Bos Aires en 1961. Dende o momento da súa saída, o libro converteuse nun dos libros máis vendidos da literatura galega e aínda hoxe segue a emocionar. Por este motivo, Espazo Lectura propuxo a lectura de Memorias dun neno labrego no club de lectura Sete Vidas.
A sesión terá lugar o martes 3 de maio a partir das 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

O venres, o actor Cándido Pazó interpreta “Memorias dun neno labrego” no Auditorio Lois Tobío
A Mostra de Teatro organizada polo Concello de Gondomar trae ao Auditorio Lois Tobío, o venres 6 de maio ás 22:00 horas, a versión de Memorias dun neno labrego preparada por Cándido Pazó para os escenarios. A lectura do clásico de Neira Vilas no club de lectura Sete Vidas será unha magnífica oportunidade para gozar máis da obra teatral preparada por Pazó.

O libro
Memorias dun neno labrego é unha das novelas que fundan a narrativa galega contemporánea. Trátase dun dos libros máis lido e máis traducido da literatura galega. Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas recolle o suposto caderno no que Balbino, un rapaz de aldea que vive na década de 1940, escribe: “Vexo o mundo darredor de min e adoezo por entendelo […] Ninguén me di para que serven as estrelas nin onde morrren os paxaros”.

O autor
Xosé Neira Vilas (Gres, Val do Ulla, 1928), escritor e membro da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana é un dos autores clásicos vivos da literatura galega. Dende que en 1961 publicou Memorias dun neno labrego, pasou grande parte da súa vida fóra de Galicia. Na actualidade, reside na casa natal de Gres, convertida en sede da fundación que leva o seu nome. A súa extensa obra abrangue a prosa narrativa: Xente no rodicio (1965), Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968), A muller de ferro (1969), Remuíño de sombras (1973), Aqueles anos do Moncho (1977), Querido Tomás (1981), Tempo novo (1987), Papeis (1992), O home de pau (1999) e Relatos mariñeiros (2003); a narrativa infantil: Cartas a Lelo (1971), De cando o Suso foi carteiro (1988), Chegan forasteiros (1993); a poesía: con títulos como Inquedo latexar (1969) ou Poesía recadada (1994); as lembranzas: Lar (1974), Nai (1980), Pan (1986); e outros textos de investigación ou testemuña como a serie Memoria da emigración (tres volumes, dos anos 90), Crónicas Galegas de América (tres volumes, 2000-2002), O sarillo do tempo (2004), Xentes e camiños (2005), Arredor do mundo (2007), Lóstregos (2009) ou A presenza galega en Cuba (2010), entre outros.


A anterior sesión do Sete Vidas estivo dedicada á lectura das obras de teatro de José Luis Prieto Monólogo do inbécil. Jánsel e Pónsel, quen estivo con nós na Biblioteca de Gondomar. Estas imaxes correspóndense a ese día.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *