Moi boa acollida da primeira tempada de Contos en Cueiros

O 30 de novembro de 2012 inauguramos Contos en Cueiros, os encontros de achegamento ao libro e á lectura para bebés de 0 a 3 anos e as súas familias. A actividade púxose en marcha cunha charla destinada a nais e pais, e a todas as persoas interesadas no tema, titulada “Os bebés tamén len” e impartida por Ana Abelenda: contacontos, animadora á lectura e especialista en Educación Infantil.

Dende esa data e sen periodicidade fixa, Contos en Cueiros celebrou sete encontros máis, nos cales intercalamos sesións de contacontos, coordinadas por voluntariado de Espazo Lectura, con outras nas cales a música e a literatura oral foron as protagonistas, como foi o caso da actuación de Xabier Díaz e Guillerme Fernández cos seus Arrolos de Salitre ou os concertos da Banda dos Cueiros, un estupendo grupo, con gran futuro, que naceu como unha necesidade das propias sesións. Tamén o teatro tivo o seu oco da man de Teatro da Semente e a súa Viaxe a Dadá, que vimos representada dentro da programación da Semana do Libro e a Lectura.

O 24 de maio pechamos esta primeira tempada que tivo unha grande acollida, cunha media de cincuenta familias por sesión. Foron os membros da Banda dos Cueiros os encargados de despedir a tempada. De maneira totalmente altruísta, prepararon un magnífico repertorio de cantigas infantís, case todas provenientes da tradición oral, con diferentes animais como protagonistas, de forma que complementamos a sesión do mes anterior, dedicada a contos de animais.

O concerto foi no exterior da Casa da Lectura ás 6 da tarde, nun único pase no que puideron coincidir todos meniños e meniñas que formaron parte desta primeira fornada dos Contos en Cueiros.

Dámoslles as grazas a todas as familias polo interese posto na actividade, así como a todas as persoas que de xeito desinteresado contribuíron a que isto fose posible. A actividade retomarase no outono.