«O ano da lebre», de Paasilinna, no club de lectura Sete Vidas de xaneiro

Este xoves 10 de xaneiro terá lugar a primeira sesión do ano 2019 do club de lectura Sete Vidas. Reunirémonos ás 20:00 no café Keik de Gondomar para falar da novela “O ano da lebre”, do autor finlandés Arto Paasilinna, publicada por Rinoceronte.
Falecido recentemente, Paasilinna é considerado un autor de culto no seu país. Esta é a segunda vez que pasa polo Sete Vidas, onde xa lemos “O bosque dos raposos aforcados”.
O pasado 13 de decembro o Sete Vidas reuniuse en Libraida para falar de “O meu nome é Ninguén”, a última novela de Manuel Esteban. Esta obra recupera ao inspector Carlos Manso, protagonista de “A ira dos Mansos” e arquetipo do antiheroe, e lévao á procura de respostas ao asasinato do seu irmán coa cidade de Vigo como pano de fondo. Ao tempo que descobre que o seu irmán investigaba unha rede de pederastia atoparase con personaxes que tentarán frustrar a súa investigación, pero tamén con heroes que, coma el, andan á procura da verdade.
Os asistentes estivemos de acordo en que se tratou dunha lectura entretida, e destacouse moito o seu tratamento da síndrome de Down, pola maneira normalizadora e cariñosa de achegalo.
Na segunda parte da sesión contamos coa presenza do autor. con quen tivemos unha conversa moi interesante e que lle deu unha nova dimensión á nosa lectura.

Sete Vidas 13/12/18