O club de lectura compartida Lendo Contigo celebra unha sesión especial na planta de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

O vindeiro mércores 19 de abril o Lendo Contigo celebrará a sesión de abril no Hospital Álvaro Cunqueiro coa obra A galiña azul, de Carlos Casares (Galaxia), autor ao que se lle dedica este ano o día das Letras Galegas. Nesta ocasión, os nenos e nenas que asisten do club e os nenos hospitalizados na planta de pediatría do hospital realizarán unha lectura compartida da obra e desfrutaremos xuntos dun espectáculo de maxia do mago Cali. A sesión será o mércores 19 ás 18:00 h no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Queremos agradecer ao Hospital e á editorial Galaxia a súa amable colaboración para a realización desta actividade.
Esta actividade dá comezo á Semana da Reivindicación Lectora que a asociación Espazo Lectura organiza con motivo da celebración do Día do Libro 2017. Dende o mércores 19 ata o xoves 27 de abril están programadas actividades diarias dos diferentes clubs da asociación, co acto central o propio día 23 de abril, cando se celebra a décima edición do Dar de ler.
Na sesión do Lendo Contigo de marzo celebramos o Día da Poesía con Ana María Fernández e a súa obra Versos da tarde laranxa (Galaxia). A autora contestou todas as preguntas dos nenos e nenas asistentes á sesión e amosoulles, a través do xogo, como crear os seus propios poemas. Para rematar, agasallounos Sete poemas para unha semana de primavera, para comezar esta estación cargadiños de poesía.
Aquí podedes ver as fotos da sesión: https://goo.gl/photos/LTHkoPtnjUV5F52w7