O Comando Le achégase á realidade das persoas con discapacidade

O Comando Le celebra este sábado 28 de novembro unha nova sesión que comezará ás 20:00h na Casa da Lectura e rematará ás 00:00h. Como é habitual, cearemos xuntos, polo que as persoas que asistan deben levar algo para compartir. A actividade está aberta a rapaces e rapazas de ESO e Bacharelato que queiran achegarse xuntos a diferentes temas a través da conversa, a música, o cine e, por suposto, a lectura.

Nas sesións de novembro e decembro imos facer un achegamento á realidade cotiá das persoas con discapacidade e ao labor dos profesionais e voluntarios que traballan nese ámbito. Arredor do Día Mundial das Persoas con Discapacidade (3 de decembro), queremos que estas dúas sesións sexan unha boa oportunidade para aprender, para reflexionar, para conversar e para coñecer outras realidades da man das persoas que as viven e loitan cada día por superar dificultades e barreiras.

Nesta primeira sesión do 28 de novembro ese achegamento farémolo a través do encontro e a conversa… Contaremos coa presenza de varias persoas que levan adiante o proxecto DisCamiño, grazas ao cal persoas con discapacidade poden realizar o Camiño de Santiago coa axuda dun equipo de voluntarios e voluntarias. Estarán na Casa da Lectura Javier Pitillas (un dos voluntarios que botou a andar o proxecto) e Gerardo Fernández, Ana Soage, José Varela, David Gil, Javier Fernández e Maxi Masip, persoas con diferentes tipos de dicapacidade (parálise cerebral, xordo-cegueira, ataxia) que realizaron o Camiño de Santiago dentro do proxecto do DisCamiño.

Na segunda parte da sesión contaremos coa presenza de Miriam Aller, de Entresignos, intérprete de lingua de signos que traballa con persoas xordas e xordo-cegas, que nos falará das peculiaridades e dificultades do seu traballo.

Na sesión de decembro seguiremos achegándonos ao mundo da discapacidade a través da literatura e do cine… Xa vos iremos informando!

Vémonos este sábado na Casa da Lectura, que xa acolleu no mes de outubro a primeira sesión desta tempada, na que fixemos distintas actividades para presentarnos, coñecernos e darlles a benvida aos rapaces e rapazas que se incorporaban este ano ao Comando Le. Aquí vos deixamos algunhas imaxes desa primeira sesión.