O Comando Le pecha a tempada cun encontro co poeta Carlos Negro

Este sábado 31 de maio a partir das 20:30h a Casa da Lectura acollerá a sesión de peche da tempada do Comando Le, que terá como actividade central un encontro dos rapaces e rapazas co poeta Carlos Negro para conversar sobre o seu último libro, Penúltimas tendencias. Con esta sesión despídense ata outubro as actividades do Comando Le, o grupo de activismo cultural para rapaces e rapazas de 12 a 15 anos que funciona desde outubro de 2012 dentro da programación de Espazo Lectura .
 
Carlos Negro, que xa participara nas actividades do Comando Le impartindo un obradoiro de poesía, volve a Gondomar para falar cos rapaces do seu último poemario, Penúltimas tendencias, un libro de versos que rompen as costuras do silencio, un diario onde unha adolescente convulsa e opaca atopa a voz que nunca tivo, un álbum secreto para todas aquelas mozas que tentan ir máis alá da gaiola rosa dos contos de princesas, fuxindo da ditadura dos espellos.
CN2
 
A sesión pecharase cunha cea compartida e diversos xogos poéticos cos que remata a tempada 2013-14 do Comando Le, que estivo dedicada á poesía e a música e que contou, entre outras propostas, co espectáculo Moita poesía, pouca diversión, de María Lado e Lucía Aldao, celebrado na Casa da Lectura o pasado mes de abril. Estas son algunhas das imaxes desa sesión.