O Lecturas Debuxadas despide a tempada cun cómic de Joe Sacco

O martes 14 de xuño celebrarase a última sesión da tempada 2015-2016 do club de banda deseñada Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, comentaremos a obra Palestina, de Joe Sacco.Maquetación 1

Como é habitual nas últimas sesións de tempada, as persoas que asistan á sesión poden levar recomendacións de lectura para o verán. A sesión comeza ás 8 do serán, na Biblioteca Municipal de Gondomar.

A sesión do mes de maio celebrouse excepcionalmente na tapería Ágora e falamos arredor da BD “Aquel verano”, de Jillian Tamaki e Mariko Tamaki. Ao longo das súas páxinas, as autoras falan de relacións persoais, da amizade xuvenil, de problemas da convivencia entre adultos… Historias e temas amosados cun protagonismo maioritariamente feminino. Todas as personaxes están resoltas de forma sinxela, pero ben definida. O debuxo de Jillian Tamaki acompaña co seu estilo contido, e unha bonita cor e montaxe de páxina.
Estas son as imaxes dese día.