“Oso pardo, oso pardo, que ves?”, próximo encontro de Contos en Cueiros

O próximo venres 27 de febreiro, ás 18:00 h, terá lugar o próximo encontro de Contos en Cueiros, que será na Biblioteca de Gondomar. Leva por título “Oso pardo, oso pardo, que ves?” e será unha sesión centrada nas cores, durante a cal leremos contos e pintaremos.

Contamos cun aforo limitado a 25 bebés acompañados de 1 adulto. Os criterios de inscrición son os seguintes:

 – Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura.

– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com (ou responder este) e facilitar:

  • o nome do bebé
  • o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2012 ou despois
  • o nome da persoa adulta que o vai acompañar
  • un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
  • en caso de ser socios/as, cómpre facilitar o nome do socio/a

– Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza. Ese correo enviarase o día en que remata o prazo de inscrición: MÉRCORES 25 de FEBREIRO ás 12:00 h do mediodía.

A sesión do mes pasado levou por título De conto en conto, unha viaxe na procura de historias. Estivo organizada en catro recantos que acollían cada un deles un conto. As familias percorrían os catro recantos e escoitaban os catro contos organizadas en grupos de sete bebés. Nun recanto tiñamos contos da nosa tradición oral; noutro, un conto pop-up ambientado no fondo do mar; noutro, un conto da tradición universal (Os tres porquiños), e noutro, unha selección de contos para xogar a descubrir animais agochados. O cambio dun recanto a outro facíase cantando un retrouso baseado nun dos arrolos do libro-disco “Non hai berce coma o colo” (Kalandraka), tema que escoitamos todos xuntos como peche da sesión. Estas son as imaxes dese día.