00_Outras_actividades_cabeceira

Espazo Lectura tamén realiza outras actividades en relación co libro e a lectura. Ás veces son actividades puntuais, autónomas e con características propias, e a maior parte das veces son complementarias dalgunha das nosas liñas programáticas regulares, como é o caso de representacións teatrais, proxeccións, charlas, encontros, títeres, concertos musicais, etc, que serven de apoio ás actividades centrais dos clubs de lectura, do Contomar, da Casa da Lectura, das Accións Lectoras, etc.

Nese sentido, Espazo Lectura programa no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar representacións teatrais como O merlo branco (2008), Valentino Rufini e Akil Pillabán (2011), Carta urxente para Máximo Toxo (2012), as tres a cargo da compañía Talía Teatro, ou Cama e Conto (2011), a cargo de Baluba Teatro,  que foron espectáculos para todos os públicos pensados como complemento das sesións do Club de lecturas compartidas Lendo Contigo, así como outro tipo de actividades como o obradoiro sobre a historia da escritura e o libro impartido polo especialista Xosé Valtierra na Casa da Lecura, tamén para o Club de Lecturas compartidas Lendo Contigo, etc, etc.

Programáronse tamén numerosas sesións de apoio ao Contomar, como concertos de música infantil, como por exemplo Tic-Tac, de Pablo Díaz (en 2010), o espectáculo de monicreques e música Os bolechas (2009), a cargo de Caramuxo Teatro, ou a montaxe teatral Flis-flis-ris-flás, a cargo da compañía Matapiollos (en 2010), basedo nun libro do mesmo título da autora gondomareña Araceli Gonda; así como a actuación de Verónica Túñez e o espectáculo Canto conto, coa colaboración de rapaces do grupo Vichelocrego Teatro; as actuacións musicais de Golfiños ou de Migallass, sesións de teatro lido que realizados por grupos de nais e pais para o Día Mundial do Teatro, etc, etc..

Igualmente, para outras actividades regulares tamén se realiza programación complementaria, ás veces en colaboración coa Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar, como a representación de Memorias dun neno labrego escenificado polo actor Cándido Pazó, dentro da Mostra de Teatro que organiza o Concello e como complemento da sesión dedicada a ese libro de Xosé Neira Vilas no Club de Lectura Sete Vidas, así como diversos itinearios literarios promovidos para libros dese mesmo club de lectura (O Val Miñor de Domingo Blanco, O Vigo de Pedro Feijoo, etc); visitas a establecementos especializados, como a realizada á libraría Banda Deseñada de Vigo  (2011) como actividade complementaria do Club Lecturas Debuxadas; ou actividades paralelas á programación da Casa da Lectura, como a sesión dinamizadora de María Solar sobre o seu libro Vou ter un irmán (2012), os espectáculos Cantarela, contos e cantos para nenos e nenas, realizado por María Campos (2012), Antón e o apalpador, realizado por Barafunda Animación (2012), Perico e o cangrexo (2011), realizado pola compañía de monicreques Titirimaña, a sesión especial de contos na linguaxe de signos levaba a cabo por Camilo Gutiérrez, da Asociación de Persoas Xordas de Vigo, a sesión de música e contos que estivo a cargo de Servando Barreiro, ou a sesión de contacontos impartida por María Lado, etc.

Así mesmo, Espazo Lectura xestionou en Gondomar espectáculos e sesións de animación promovidos por outras entidades ou administracións públicas, como por exemplo, o concerto A nena e o grilo (2011), os obradoiros infantís Eu falo así (2011), a representación teatral Ratiña Linda (2009) e Remoldiño vai á feira (2008) de Casahamlet, realizados a partir da colaboración de diversas editoriais coa Secretaría Xeral de Política Lingüística no programa Bocaberta, etc.

EXPOLECTURAS

A través da sección Expolecturas, Espazo Lectura artella e organiza exposicións que teñen que ver co ámbito da lectura, do libro ou do fomento da lectura, ou ben vehiculiza e xestiona exposicións organizadas por institucións ou outras entidades, promovendo visitas dos centros de ensino ás mesmas e organizando nelas sesións de contacontos, como  a exposición Imaxinoqo, por Espazo Lectura para o Val Miñor, que procuraba unha nova forma de mirar as imaxes dos libros de OQO e incorporaba o propio libro como obxecto da exposición.