Polo San Martiño, libros ao camiño

Espazo Lectura desenvolve este intenso programa de actividades para o mes de novembro, que detallamos a continuación:

► Nova sesión do Contomar o próximo luns.
Coa sesión semanal de contacontos do próximo luns, Espazo Lectura inicia un intenso programa de actividades de fomento da lectura que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro baixo o lema «Polo San Martiño, libros ao camiño». A sesión deste próximo luns, se o tempo o permite, desenvolverá unha primeira parte na Praza de Portugal, ao aire libre, para continuarmos logo na biblioteca municipal con historias como Corre, corre, cabaciña ou Paco Papán e a celebración do cumprecontos dunha das nenas socias do Contomar. Acompañarannos, como en cada sesión, o saco Paco e a saqueta Henriqueta, as mascotas do Contomar.

► Nacen dous novos clubs de lectura.
Dentro da programación do mes de novembro inclúese tamén o nacemento de dous novos clubs de lectura. O día 4 teremos a 1ª sesión do club de lectura Sete vidas que cada mes propoñerá un libro para ler e comentar. Nesta 1ª convocatoria a tertulia xirará arredor da novela Así nacen as baleas, de Anxos Sumai. Ademais, o día 18 de novembro botará a andar o Club Lecturas debuxadas que cada mes propoñerá a lectura dun título de cómic para logo comentar en grupo.

► Contos en cantos.
Do 10 ao 15 de novembro presentarase en Gondomar o libro-CD-DVD Contos en cantos, un proxecto de OQO Editora e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que Espazo Lectura coordina no Val Miñor. Durante toda esa semana un total de 450 nenos e nenas de todos os colexios públicos de Gondomar visitarán na Casa da Cultura a exposición IMAXINOQO e asistirán a un contacontos organizado por Espazo Lectura. Ademais, o venres 14 á tarde celebraranse dous obradoiros Q SON (precísase inscrición), un para nenos e nenas de 5 a 7 anos e outro para nenos e nenas de 8 a 10 anos. A semana de actividades rematará o sábado 15 co concerto de presentación das cancións que se inclúen no proxecto: será ás 12 da mañá no auditorio Lois Tobío coa presenza de Almudena Janeiro.

► Remoldiño vai á feira.
O día 26 de novembro teremos dúas funcións do espectáculo Remoldiño vai á feira, unha peza de teatro representada pola compañía Casa Hamlet a partir dun conto de Xoán R. Cuba publicado por Xerais. A 1ª sesión será ás 12 da mañá para o alumnado do CRA Antía Cal e a 2ª sesión será á tarde, aberta ao público previa inscrición a través de Espazo Lectura. Este proxecto, igual que Contos en cantos, forma parte da campaña Voces á orella promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

► Club de lectura compartida Lendo contigo.
Por último, no último sábado de novembro retomaremos as sesións do club de lectura compartida Lendo contigo, para nais e pais e para nenos e nenas de 8 a 11 anos. Esta iniciativa, que naceu hai case un ano e na que están inscritos 30 nenos e nenas, contou nas sesións anteriores coa presenza de autores como Agustín Fernández Paz, Miguel Vázquez Freire, Antonio García Teijeiro, Fina Casalderrey, Cándido Pazó e Xabier López. O libro proposto para a próxima sesión será Boas noites, de Paula Carballeira, e contaremos coa presenza da autora. Será o día 29 de novembro ás 12 da mañá na Biblioteca Municipal de Gondomar.