Proposta de mellora da biblioteca municipal para os grupos políticos de Gondomar que se presentan ás Eleccións Municipais 2015

Espazo Lectura envioulles aos diferentes grupos políticos de Gondomar unhas propostas de mellora para a Biblioteca Municipal de Gondomar coa petición de que as asuman entre os seus compromisos de cara ás próximas Eleccións Municipais 2015.

Reproducimos a continuación o documento completo.

POLA MELLORA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE GONDOMAR
Proposta de Espazo Lectura ante as Eleccións Municipais 2015

No ano 2011, con motivo das anteriores eleccións municipais, Espazo Lectura envioulles aos partidos políticos que se presentaban en Gondomar seis propostas relacionadas co fomento da lectura. Nalgunhas daquelas demandas producíronse avances nestes catro anos, pero outras seguen a estar vixentes e a situación que se describía nelas segue a ser a mesma. Avaliamos positivamente, por exemplo, que o Concello de Gondomar xestionase o proceso de desafectación do antigo espazo educativo que hoxe ocupa a Casa da Lectura en Donas, onde Espazo Lectura desenvolve unha parte das súas actividades de fomento da lectura, abertas a toda a cidadanía.
Tamén consideramos importante que se avanzase no proceso de reforma dese espazo co obxectivo de convertelo no futuro Museo do Conto de Gondomar, cun compromiso orzamentario duns 20.000€ por parte do Concello de Gondomar, destinados á elaboración do proxecto arquitectónico.
Fronte a iso, as demandas relacionadas coa mellora da Biblioteca Municipal que faciamos hai catro anos seguen estando plenamente vixentes xa que a precaria situación da Biblioteca Municipal segue a ser practicamente a mesma. Por este motivo, desde Espazo Lectura dirixímonos de novo aos partidos políticos que concorren ás próximas elección municipais para pedirlles que asuman publicamente un compromiso de mellora da Biblioteca Muncipal que tería que incluír diferentes aspectos:

1. Ampliación e mellora do espazo.
O actual espazo da Biblioteca Municipal é claramente insuficiente e require melloras urxentes en canto a mobiliario, fondos e equipamento para poder atender as necesidades da cidadanía e garantir a convivencia dos diferentes usos e servizos que debe ofrecer unha biblioteca pública (bebeteca, mediateca, espazo infantil, sala de lectura, sala de estudo, zona de xestión, etc.).
No futuro habería que estudar unha nova localización para a Biblioteca Municipal, fóra do actual edificio da Casa da Cultura, nun lugar máis accesible, sen barreiras arquitectónicas e cunha situación céntrica na vila. Desde Espazo Lectura consideramos que ese novo local para a Biblioteca Municipal podería ser o edificio do actual Centro de Saúde, unha vez que se constrúa o novo e se trasladen alí todos os servizos sanitarios.

2. Ampliación do persoal de atención á Biblioteca Municipal e convocatoria da praza de bibliotecario cun perfil de especialista.
A Biblioteca Municipal precisa dun bibliotecario ou bibliotecaria con formación específica neste ámbito que coordine o traballo de xestión e catalogación do fondo e o proceso de informatización do servizo de préstamo, así  como todo o necesario labor de dinamización, no que se podería seguir contando coa colaboración de Espazo Lectura. A Biblioteca de Gondomar debe dispoñer, como toda biblioteca pública, dun bibliotecario especialista, sobre todo se temos en conta que é unha biblioteca que acolle un dos proxectos de dinamización lectora máis amplo de Galicia, desenvolvido polo equipo de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura, o que fai que sexa aínda máis necesaria unha persoa con coñecementos e capacidade para facer que a Biblioteca Municipal acompañe e dea resposta ás necesidades derivadas das actividades e do movemento de usuarios vinculados a ese programa de dinamización. A nova corporación municipal debe asumir a ampliación de persoal da Biblioteca Municipal coa convocatoria desa praza de bibliotecario/a especializado, unha mellora necesaria ademais para atender a ampliación de espazo proposta no punto anterior.

3. Establecemento dun orzamento específico estable.
A Biblioteca Municipal precisa ter un orzamento co que asumir con urxencia un proceso de revisión e actualización dos fondos, cun necesario traballo de expurgo e de determinación das necesidades de renovación do catálogo para poder dar resposta ás necesidades e demandas dos usuarios e usuarias.
Nun momento en que as desigualdades sociais son cada vez maiores, as bibliotecas públicas teñen a obriga de converterse en motores de compensación social para garantir o libre acceso de todos os cidadáns e cidadás á cultura, á educación, á formación e ao ocio, polo que consideramos que calquera partido político que aspire a gobernar en Gondomar debe asumir unha aposta firme de mellora da Biblioteca Municipal. Nese mesmo sentido traballa Espazo Lectura coa súa programación de actividades e o seu labor de voluntariado. Só desde o compromiso firme de mellora da Biblioteca Municipal e desde a colaboración das dúas entidades, Concello de Gondomar e Espazo Lectura, poderemos seguir avanzando co obxectivo de converter a Gondomar nun modelo de referencia de fomento da lectura en Galicia.

Espazo Lectura
www.espazolectura.gal
Gondomar, maio de 2015