Semana do Libro e a Lectura 2013: Contos na Coelleira e sesión especial do Lecturas Debuxadas

O 23 de abril, Día do Libro, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, programou dúas actividades para público infantil e adulto.

Contos na Coelleira

A primeira delas foi unha acción lectora escolar, á que chamamos Contos na Coelleira, na que participaron 350 nenos e nenas de sete colexios da zona: CEIP Souto-Donas, CEIP Chano Piñeiro, CRA Antía Cal, CEIP Serra-Vincios,  CEP Neira Vilas (Peitieiros), CEP de Sabarís e CEIP Carlos Casares (Vilariño).

A actividade comezou ás 10:30h no Parque da Coelleira, en Gondomar. En sete zonas habilitadas por todo o parque, os colexios compartiron contos uns cos outros. En cada punto, unha profesora de cada colexio contou un conto tres veces e os nenos e nenas, organizados en quendas, movéronse polo parque escoitando as diferentes historias. En cada zona foron recibidos polo voluntariado de Espazo Lectura que lle deu vida aos personaxes dos relatos que os nenos e nenas escoitaron: Nadarín, Carabuñas, O paxaro Pico, Rosa Caramelo, Rato Tom e rata Tomasa, O País dos mandóns e O gato na árbore.

Logo dun descanso de media hora, ás 12:00h os membros da compañía de teatro Fantoches Baj chegaron á praza montados nos seus velocíclopes e ofrecéronlles aos 350 nenos e nenas o seu espectáculo de contos Rodar i Rodari. Contos do tranvía.

Con esta actividade Espazo Lectura quixo celebrar o Día do Libro sacando os contos a un espazo público co obxectivo de visibilizar a lectura e crear espazos e tempos para ler e compartir lecturas, como xa fixo noutras accións lectoras anteriores como a Sentada Lectora de abril de 2012 ou o Asalto poético de xaneiro de 2013. Ademais, Espazo Lectura pretendeu tamén que na Semana do Libro e a Lectura 2013 tivesen un protagonismo especial os colexios, piar fundamental no fomento da lectura e dos hábitos lectores na nosa sociedade.

GondomarTV emitiu a seguinte reportaxe sobre este evento.

Lecturas Debuxadas coa presenza dos autores Inacio Vilariño e Iván Suárez

O propio día 23, á noitiña, celebramos na Biblioteca de Gondomar unha sesión especial do club de cómic Lecturas Debuxadas coa presenza do guionista e mais do debuxante de Titoán, a banda deseñada proposta como lectura deste mes.

Durante a sesión comentamos os cómics, en plural, porque falamos dos dous volumes da saga “Castelao” que xa publicaron e os que están por vir (seis máis). Inacio Vilariño e Iván Suárez explicáronnos as lembranzas de Castelao no tranvía de Rianxo e toda a súa obra (ou tomos, un por cada letra de Castelao). Ademais, mostráronnos o traballo de guión que fai Inacio para que Iván traballe e rematamos coas luces apagadas, facendo un pouco de lectura teatralizada dun fragmento do cómic, con Inacio cantando como o facían os cegos.

Estas son as imaxes dese día: