«Sunny 1», de Taiyô Matsumoto, no Lecturas Debuxadas de xaneiro

O próximo martes, día 16 de xaneiro, celébrase a sesión mensual do Club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos «Sunny 1», de Taiyô Matsumoto. A sesión, aberta a quen queira participar, será na Tapería Ágora de Gondomar (rúa Párroco Mariño, 2) e comeza ás 20:00 horas.
Na sesión de decembro xuntámonos para falar sobre “El hombre que mató a Lucky Luke”, de Matthieu Bonhomme. Nesta obra, o autor dálle unha volta ao clásico personaxe de Morris e Goscinny, e faino máis adulto. Na parte gráfica, Bonhomme afástase do estilo cartoon de Morris e utiliza un aspecto máis realista, que lle dá a todo o álbum un extra de seriedade. O debuxo e a cor son realmente magníficos, un dos puntos fortes da obra. A historia está chea de referencias ao cinema e ao xénero do western: atracos a dilixencias, minas de ouro… e o inevitable duelo a revólver. Menos humorística (para iso xa están as secuelas canónicas), avanza con soltura cara a un final, esta vez si, clásico, do vaqueiro máis rápido que a súa sombra.
Esta sesión celebrámola na librería Libraida, onde Aida nos recibiu con moita amabilidade e un riquísimo té con pastas. Un aplauso para tan boa anfitrioa!

LECTURAS DEBUXADAS, 2017/12/12