Última sesión da tempada dos mércores da Casa da Lectura

As sesións de dinamización lectora que mércores tras mércores se realizan na Casa da Lectura despiden a tempada 2014-2015 mañá, día 3 de xuño, ás 18:00 horas.

Para esta fin de tempada, o equipo coordinador da actividade ten preparada unha sesión moi divertida baseada no conto Sígueme!, publicado pola editorial Oqo: unha historia de amor que non ten nada de raro. Os nenos e nenas que se acheguen á Casa da Lectura  terán que seguir a formiga a través dun circuíto de conto, no que se van ir transformando  en elefantes namorados. O cal tampouco ten nada de raro!

Na sesión do mércores pasado, Luís Domínguez contounos moitas historias sobre os animais de compañía e aprendemos algunhas curiosidades como que os elefantes teñen as orellas grandes para refrescarse ou que os mouchos xiran a cabeza 360 graos porque teñen os ollos fixos. A novidade importante hoxe foi que tamén estivo con nós Croquette, o canciño das fillas de Luís. Un cadeliño moi educado que non deu nin palabra mentres Luís nos contou as historias. Iso si, cando chegou o momento de que os nenos e nenas marchasen, comezou a ladrar e non sabemos se era porque lle soubo a pouco a sesión. Estas son as imaxes dese día.