O Lendo Contigo comeza a tempada 2020-2021 con moitas ganas de compartir lecturas logo de tantos meses sen reunirnos. A obra coa que inauguramos este club mensual é Vampira de biblioteca, escrita por Ledicia Costas, ilustrada por Víctor Rivas e publicada por Edicións Xerais na primavera deste ano 2020.
Eleonora é unha vampira que pasa os días papando insectos da biblioteca na que vive ata que un día ten que se enfrontar a unha complicada situación coa axuda dos seus amigos morcegos. Queres conversar con nós sobre a fantástica solución que atopan?

Esta tempada contamos coa colaboración do Concello de Gondomar, e para poder cumprir coas medidas de distanciamento social e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias a sesión celebrarase na carpa instalada na Praza da Paradela, en Gondomar. Será o 24 de outubro ás 12:00h e poden asistir todos os nenos e nenas entre 7 e 11 anos acompañados de cando menos un adulto. Nesta ocasión teremos a sorte de contar coa presenza de Ledicia Costas e Víctor Rivas. Agardámosvos!