Xabier P.Docampo presenta o seu último libro na libraría Libraida

A libraría Libraida acolle o venres 19 de xuño, ás 20.30 horas, a presentación de O libro das viaxes imaxinarias (Edicións Xerais), a última obra de Xabier P.Docampo, ilustrada por Xosé Cobas Gómez.
Ao acto asistirán o autor e o ilustrador e estará presentado polo escritor e profesor Gonzalo Navaza.

Xabier P. DoCampo: naceu en Rábade (Lugo 1946). A súa obra conta con preto de trinta títulos. Recibiu numerosos premios, entre eles, o Premio Nacional de literatura Infantil e Xuvenil, en 1995. É membro do Consello de Redacción da Revista de Literatura Infantil Fadamorgana e mais do equipo de redacción da Revista de Arte y Literatura Infantil Bloc.

Xosé Cobas Gómez: naceu en Logrosa – Negreira (A Coruña, 1953). A súa traxectoria profesional está ligada ao mundo da pintura e do deseño gráfico. A comezos dos anos 80 toma contacto coa ilustración. Dende aquela publicou numerosos libros, gañou varios premios e participou en diversas exposicións de ilustración nacionais e internacionais.

O Libro das Viaxes Imaxinarias: Premio Isaac Díaz Pardo do libro ilustrado 2008; Premio Irmandade do Libro 2008 da federación de librarías; Premio AELG na categoría de mellor libro infantil e xuvenil.