Gondomar lendo para medrar publicado por

Espazo Lectura envía ás principais forzas políticas de Gondomar 6 propostas relacionadas co fomento da lectura

Espazo Lectura envía ás principais forzas políticas de Gondomar 6 propostas relacionadas co fomento da lectura

Ante as próximas eleccións municipais de maio de 2011, Espazo Lectura fíxolles chegar aos distintos grupos políticos do Concello de Gondomar seis propostas relacionadas co fomento da lectura, co obxectivo de que as asuman e as inclúan nos seus respectivos programas electorais. Así mesmo, Espazo Lectura ofrécese a debater e asesorar respecto dos contidos destas seis propostas, así como a seguir colaborando co Concello de Gondomar e coa Biblioteca Municipal no desenvolvemento dun amplo programa de fomento da lectura que continúe destacando a Gondomar como un concello que aposta pola lectura. Neste sentido, cremos necesario que a nova corporación municipal, ademais de manter as liñas de colaboración con Espazo Lectura que se viñan dando até o momento, asuma uns compromisos mínimos necesarios para seguir dando pasos adiante neste ámbito.

As 6 propostas

  1. Ampliación e mellora do espazo da Biblioteca Municipal.
  2. Ampliación do persoal da Biblioteca Municipal e convocatoria da praza de bibliotecario/a cun perfil de especialista.
  3. Establecemento dun orzamento específico estable para a Biblioteca Municipal.
  4. Creación dun Consello Municipal da Lectura.
  5. Xestión e desafectación do espazo da antiga escola de educación infantil de Donas (Casa da Lectura) e creación dun Museo do Conto.
  6. Declaración de Gondomar como a 1ª Vila do Libro de Galicia.

De cada unha destas propostas falaremos polo miúdo nas próximas semanas.

Gondomar, lendo para medrar
Esta é a primeira actuación da campaña Gondomar, lendo para medrar, presentada hai unha semana por Espazo Lectura. A campaña está destinada a fortalecer a relación entre a vila de Gondomar e os libros e a lectura, conscientes de que, para Gondomar, a lectura pode ser todo un símbolo e unha oportunidade para progresar, para desenvolverse, para apostar por un futuro mellor, por un futuro no que o nome da localidade se converta en sinónimo de cultura, de avance e, sobre todo, de imán capaz de atraer o interese, a curiosidade e a riqueza.

Facebook Twitter Digg Email

1 Comment

  • […] O Pleno de Gondomar que se celebrou onte á tarde no Auditorio Lois Tobío abordou a moción presentada por CABE a fin de que o goberno municipal, presidido polo alcalde Paco Ferreira, recuperase o diálogo con Espazo Lectura, diálogo que permitiría buscar solucións aos actuais problemas de comunicación e redución de usos bibliotecarios e reanudar así as actividades infantís na Biblioteca Municipal de Gondomar.  Con todo, a moción a favor do diálogo aprobouse co voto favorable de todos os grupos municipais (CABE, Manifesto Minor, Iniciativa por Gondomar e PP), pero coa abstención dos concelleiros do PSOE de Gondomar, o partido do alcalde. En palabras de Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura, «preocúpanos esta abstención porque detrás dela pode estar a negativa a recuperar o diálogo por parte do alcalde». Non obstante, os responsables de Espazo Lectura esperan que o alcalde cumpra o mandato do pleno e se aveña a establecer, por fin, unha relación fluída coa asociación: «Esperamos a chamada do alcalde», sinalaba a presidenta Beatriz Núñez, que incidía en que «a necesaria boa disposición do alcalde, que ten na súa man buscar un acordo, suporía un beneficio para toda a cidadanía de Gondomar e a súa biblioteca moito máis que para Espazo Lectura». A propia presidenta sinalaba que Espazo Lectura hai moito tempo que demanda unha serie de melloras na Biblioteca Municipal que ata o de agora non foron atendidas. Nese sentido, lembra, a asociación fixo chegar unha solicitude a todos os grupos políticos durante a útlima campaña electoral, pero tamén o fixera nas anteriores eleccións do 2011. […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *